Que é o capital de risco?

Definición

O capital-risco é un instrumento financeiro que consiste, fundamentalmente, na participación de maneira temporal e minoritaria, dunha entidade de capital-risco, no capital social dunha empresa; é dicir, a entidade pon á disposición do proxecto empresarial recursos económicos e pasa a se converter en socio-accionista da empresa financiada; participa, logo, de modo directo, nos riscos e resultados da aventura empresarial.

O capital-risco non se debe confundir co endebedamento bancario tradicional. Nun préstamo, a entidade financeira ten dereito a un xuro determinado e ó reembolso do diñeiro prestado independentemente da evolución da empresa, garantindo, habitualmente o devandito reembolso, en caso de fracaso empresarial.

Sen embargo, no caso do capital-risco hai unha entrada de diñeiro como contrapartida á toma dunha participación minoritaria no capital da empresa, polo que a rendibilidade e o reembolso dos recursos achegados pola sociedade investidora dependen directamente da rendibilidade e do éxito empresarial do proxecto.

Os actores do capital-risco

As sociedades de capital-risco (SCR) son sociedades anónimas que teñen como obxecto social principal a toma de participacións temporais no capital de empresas non financeiras con valores que non coticen no primeiro mercado das bolsas de valores. Para o desenvolvemento do seu obxecto social principal, as sociedades de capital-risco poderán facilitar préstamos participativos, así como outras formas de financiamento, neste último caso unicamente para sociedades participadas. De igual modo, poderán realizar actividades de asesoramento.

Os fondos de capital-risco (FCR) son patrimonios administrados por unha Sociedade xestora, que terán o mesmo obxecto principal que o definido no punto anterior, xa que lle corresponde á sociedade xestora a realización das actividades de asesoramento sinaladas nel.

As sociedades xestoras de entidades de capital-risco (SXECR) son sociedades anónimas que teñen como obxecto social principal a administración e xestión de fondos de capital-risco e de activos de sociedades de capital-risco. Como actividade complementaria, as SXECR poderán realizar tarefas de asesoramento ás empresas coas que manteñan vinculación como consecuencia do exercicio da súa actividade principal.

Tamén poderán xestionar fondos de capital-risco e activos de sociedade de capital-risco, as sociedades xestoras de institucións de investimento colectivo reguladas na Lei 46/1984, de 26 de decembro, reguladora das institucións de investimento Colectivo.

Business Angels: Son investidores particulares que toman participacións accionariais en pequenas e medianas empresas da súa zona de residencia. Estes investidores constitúen o que se coñece como capital-risco informal.