Orixes

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), consciente da importancia que para o desenvolvemento socioeconómico do seu contorno ten a transferencia de tecnoloxía, en particular, e do coñecemento, en xeral, desenvolveu, nestes últimos anos, unha política científica orientada a conseguir unha efectiva vertebración do Sistema Ciencia-Tecnoloxía-Empresa en Galicia. Neste contexto foi creado no seu día o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, o CITT, que ten como obxectivo favorecer e enmarca-las relacións entre a investigación universitaria e as empresas do seu contorno socioeconómico.

Para unha maior eficacia no cumprimento dos seus obxectivos, o CITT estructúrase en dúas divisións: A División de Transferencia de Tecnoloxía (DTT) e a División de Transferencia Empresarial (DTE). A DTT ten por obxectivo impulsa-la actividade investigadora da USC estimulando e facilitando a presencia de grupos de I+D nos programas autonómicos, nacionais e internacionais, así como a transferencia de tecnoloxía a través de contratos con empresas e institucións. Pola súa parte a DTE céntrase no apoio á creación de novas empresas de spin-off ou de empresas mixtas para a explotación de resultados de investigación.

O volume de fondos canalizados a través do CITT no exercicio 1999 foi de 4.000 millóns de pesetas. A USC contempla no seu Plan Estratéxico (1998-2010) unha maior proxección na sociedade. Con tal fin creouse en 1998 a Sociedade Xestora de Intereses da Universidade de Santiago de Compostela, S.L. (UNIXEST) e en 1999 a Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais (UNINOVA) que ten como obxectivo incubar empresas innovadoras de base tecnolóxica creadas a partir de proxectos de investigación desta universidade (spin-off académico).

A actividade de UNINOVA céntrase en detectar proxectos de investigación susceptibles de se converteren en productos ou servicios innovadores no mercado, analiza-la súa viabilidade empresarial e tecnolóxica, avalia-las aptitudes dos emprendedores, axudar á empresa a constituírse, facilitar un espacio físico dotado das infraestructuras adecuadas para o establecemento da nova empresa, dar apoio na xestión, buscar mercados internacionais, dar formación continua ad-hoc e buscar financiamento para as empresas, ademais de participar no seu capital social a través da sociedade UNIXEST.

Dado o éxito acadado durante este tempo, con máis de 15 empresas de base tecnolóxica apoiadas, a Universidade de Santiago creu necesario dar un paso máis e constituíu unha sociedade de capital-risco, UNIRISCO Galicia, co fin de facilitar o financiamento dos spin-off.