Quen somos

UNIRISCO Galicia é unha sociedade de capital-risco que, baixo a iniciativa da Universidade de Santiago, se constituíu en novembro de 2000 co obxectivo de promove-la creación de empresas que aproveiten o coñecemento xerado pola Universidade, mediante operacións de investimento temporal no seu capital ou outros instrumentos financeiros, sempre baixo criterios de rendibilidade e creación de emprego.

É, polo tanto, unha ferramenta de estímulo empresarial que facilita:

  • O desenvolvemento tecnolóxico, ó abrir alternativas á transferencia do coñecemento da Universidade á sociedade, a través da creación de empresas.
  • A creación e mantemento de emprego no seo da comunidade universitaria.
  • En definitiva, a creación dunha cultura emprendedora na Universidade, tratando de incrementa-la predisposición dos seus membros á creación de empresas.

Para impulsar este proxecto a Universidade de Santiago de Compostela asociouse coa Universidade de Vigo, con clara orientación ás enxeñerías, para procurar complementárense e aumentaren así as posibilidades da transferencia de tecnoloxía.

Ámbalas dúas conseguiron, á súa vez, o apoio de importantes entidades financeiras e grupos empresariais de Galicia, que ofreceron, non só recursos financeiros, senón tamén, a súa credibilidade e ampla experiencia, tanto en xestión empresarial, como na análise e seguimento de investimentos.

UNIRISCO Galicia réxese polo establecido na Lei 1/1999, de 5 de xaneiro, reguladora das entidades de capital-risco e das súas sociedades xestoras e, polo tanto, está sometida ó control da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).