Sectores:
Non se descarta ningún sector de actividade a excepción do financeiro. Préstase especial interese ás novas tecnoloxías e ós proxectos xerados de emprego con orixe nas universidades de Santiago e Vigo.
Porcentaxes de participación:
Vocación de participación minoritaria, aínda que non se formulan a priori limitacións nas porcentaxes de investimento a excepción das contempladas na Lei de entidades de capital-risco, que se fixan en función das características de cada proxecto concreto.
Tamaño do investimento:
Os investimentos orientaranse, preferentemente, cara a proxectos cun volume de investimento inferior ós 100 millóns de pesetas.
Ámbito xeográfico:
A área preferente de investimento é a Comunidade Autónoma Galega e, máis concretamente, a área de influencia socioeconómica das universidades de Santiago e de Vigo. Consideraranse outras áreas sempre e cando a xuízo de UNIRISCO se entenda que reporten un beneficio socioeconómico para Galicia.
Tipos de sociedades:
Os investimentos orientaranse cara a proxectos innovadores en fase de arranque ou de consolidación e de forma especial cara a aqueles que teñan base tecnolóxica e sexan xeradores de emprego, diversificando os investimentos de forma conveniente para reducir riscos.
Tempo de participación:
Non se establecen a priori uns prazos máximos nin mínimos de mantemento dos investimentos, pero oscilará, preferentemente, entre os 3 e 10 anos.
Modalidade de desinvestimento:
Esta poderá levarse a cabo por calquera medio lexítimo admitido en dereito, tendo como opción preferente a venda ós accionistas orixinarios da compañía. Neste sentido, UNIRISCO instrumentará acordos cos demais accionistas da compañía para facilita-lo proceso de desinvestimento.
Modalidade de intervención na xestión:
UNIRISCO poderá estar presente no consello de administración das empresas nas que participe e respectará en todo momento a independencia de xestión do empresario e executivos da sociedade. Así mesmo, UNIRISCO poderá colaborar co empresario no éxito do proxecto, a través da axuda no desenvolvemento do mercado dos seus productos; proporcionar á empresa contactos a nivel nacional e internacional, tanto no referente á actividade normal da empresa (clientes, provedores), como a outros aspectos tales como financiamento preferente, apertura de novos mercados, etc.