A relación con Unirisco

1

Cál é o proceso de investimento de Unirisco

Os investimentos seleccionaranse seguindo as máis depuradas técnicas de análise de investimentos. Para iso UNIRISCO conta coa experiencia na análise de proxectos da incubadora de empresas da Universidade de Santiago, UNINOVA, e das entidades financeiras promotoras da sociedade.

O procedemento de selección de investimentos articúlase nas seguintes fases: detección de oportunidades de investimento, análise da viabilidade dos proxectos, due diligence e estructuración do investimento.

Detección de oportunidades de investimento

Nesta fase prodúcense os primeiros contactos cos que se pretende coñece-la empresa e os seus promotores. En primeiro lugar, preséntase qué é UNIRISCO e cáles son os seus obxectivos e a súa forma de actuar. Asemade recóllense os primeiros datos sobre a empresa ou proxecto empresarial susceptible de investimento e sobre o seu equipo directivo ou promotores. Esta primeira información será analizada por UNIRISCO e serve como filtro para pasar á seguinte fase.

Nesta fase de detección de oportunidades, unha fonte importante de detección destas será a Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago, UNINOVA, a cal desde o ano 1999 ten entre os seus obxectivos a detección de resultados de investigación susceptibles de se converteren en proxectos empresariais. Outras fontes de detección de oportunidades de investimento serán o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) da Universidade de Santiago e a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da Universidade de Vigo.

Análise de viabilidade dos proxectos

UNIRISCO analizará a viabilidade dos proxectos presentados atendendo ós seguintes aspectos:

  • Capacidade técnica e de xestión dos emprendedores e/ou equipo directivo.
  • Grao de innovación do proxecto empresarial que lle permita obter unha posición de éxito no mercado ó que se dirixe.
  • Potencial de crecemento da empresa e expectativas de rendibilidade.
  • Que exista un Plan de Empresa sólido e contrastable.

Due Diligence

Unha vez seleccionado un proxecto, iníciase unha fase de negociación co obxecto de determina-la contía e forma do investimento. Este proceso pode ir precedido dunha oferta non vinculante por parte de UNIRISCO ou mediante o asinamento dunha carta de intencións. Isto permitirá unha análise máis detallada por parte de UNIRISCO do proxecto presentado.

En función da complexidade de cada proxecto e do tamaño do investimento a análise incluirá algúns dos seguintes aspectos:

  • Visitas ás instalacións productivas.
  • Entrevistas co equipo directivo.
  • Estudio de mercado do producto ou servicio da empresa Nalgunhas ocasións este estudio será realizado por un experto independente de recoñecido prestixio.
  • Revisión legal dos aspectos xurídicos corporativos, contratos, pólizas de seguros, bens inmobles, propiedade industrial, litixios, subvencións e aspectos laborais e fiscais, realizada por un experto independente de recoñecido prestixio.
  • Revisión contable ou auditoría realizada por un experto independente de recoñecido prestixio.
  • Análise das proxeccións financeiras e do posible grao de cumprimento.
  • Valoración do proxecto A revisión dos puntos anteriores será o punto de partida da negociación da estructuración final da operación.

Estructuración do investimento

Unha vez analizada toda a información e chegado a un acordo cos accionistas, este plasmarase nun contrato no que se definirá o volume do investimento, os instrumentos financeiros utilizados, os prazos de desembolso, as garantías ofrecidas pola sociedade ou polos accionistas, as modificacións estatutarias e os acordos de desinvestimento, entre outros.